Monday 16 de September de 2024

Ruta ciclista Camariñas-Peniche para reforzar o irmandamento entre as dúas vilas


· Nesta iniciativa, organizada entre o Concello e o club PC Baikers do Vilán, participarán 14 ciclistas e levarase a cabo do 26 ao 29 agosto.

· Percorrerán 586 quilómetros con paradas en Vigo, Porto, Figueira da Foz, Serra d’El-Rei e Peniche.

· “O obxectivo é ampliar as relacións entre as dúas localidades e facer promoción do encaixe, das tradicións e do potencial de Camariñas e da Costa da Morte”, explica Fabián Canosa.

O Concello e o club ciclista PC Baikers do Vilán volven a saír ao asfalto. Nesta ocasión, tras a saída ata La Turballe levada a cabo o ano pasado, organizan unha ruta ciclista entre Camariñas e Peniche co obxectivo de reforzar o irmandamento existente entre as dúas vilas desde o ano 2011.

Esta iniciativa terá lugar do 26 ao 29 de agosto e participarán 14 ciclistas, que en catro etapas percorrerán 586 kilómetros, facendo paradas con recibimento oficial en Vigo, Porto, Figueira da Foz, Serra d’El-Rei e, por último, Peniche.

O concelleiro de Deportes, Fabián Canosa, que participará tamén este ano na ruta, explica que “o obxectivo é ampliar as relacións entre as dúas localidades e aproveitar a ocasión para facer promoción do encaixe, das tradicións e do potencial de Camariñas e da Costa da Morte”. “Ademais do encaixe son moitos os elementos que nos unen, como o turismo, a pesca, a industria ou o deporte”, afirma.

As etapas son as seguintes:

1. 26/08/24: Camariñas – Vigo (154 km).
2. 27/08/24: Vigo – Porto (151 km).
3. 28/08/24: Porto – Figueira da Foz (139 km).
4. 29/08/24: Figueira da Foz – Serra d’El-Rei – Peniche (142 km).

Na etapa final está previsto que un club local de ciclismo de Peniche acompañe, na totalidade ou en parte do percorrido, aos 14 ciclistas de Camariñas, que irán ataviados cun equipamento deseñado especialmente para a ocasión.